Prezos e descontos
En Alsa traballamos para ofrecer as mellores condicións de viaxe a todos os nosos clientes, incluíndo os viaxeiros con discapacidade e os seus acompañantes.
Alén das vantaxes do noso programa de fidelización Alsa Plus e das diferentes promocións que activamos en datas sinaladas ou corredores específicos, ofrecemos aos viaxeiros con discapacidade:
Os viaxeiros cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % e un dos seus acompañantes gozan dun 15 % de desconto en todas as nosas liñas de longo percorrido e rexionais.
Para iso é imprescindible mostrar a documentación acreditativa deste desconto ao acceder ao autobús.
Desconto non acumulable a outras tarifas especiais, promocións nin descontos (excepto Familia numerosa).
Ademais, en determinadas rutas, existen outros descontos adicionais que melloran esta bonificación. Consulta as condicións á hora de comprar o billete.
Se desexas viaxar sentado nunha butaca convencional do autobús, en lugar de na túa cadeira de rodas, podes facelo de maneira gratuíta.
Adaptamos o noso proceso de venda para que nos poidas comunicar de maneira sinxela que vas querer transferirte a esta butaca, de forma que a teñas reservada cando accedas ao vehículo. Consulta máis información sobre este proceso.
Se es usuario de cadeira de rodas e necesitas axuda para transferirte a unha butaca convencional, ou para subir ao vehículo se a túa cadeira viaxa no maleteiro, desde Alsa facilitámosche un billete gratuíto para o acompañante que che axude a facer esta tarefa.
Este acompañante deberá viaxar contigo durante toda a viaxe, para poder axudarche nas paradas intermedias ou en caso de sufrir algunha incidencia durante a viaxe. Consulta máis información sobre este proceso.
Se tes unha discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, cun grao de minusvalía igual ou superior ao 33 %, vas poder viaxar coa túa persoa de apoio no mesmo autobús con algúns beneficios.
A túa persoa de apoio poderá viaxar gratis contigo e ti terás un 15 por cento de desconto no teu billete.
Este desconto vale para todos os percorridos que realiza Alsa entre diferentes provincias e para algúns servizos rexionais en España.
Por exemplo, cando un billete custa 20 euros, ti só pagarás 17 euros e o teu acompañante viaxará gratis.
Como podes solicitar o desconto?
Para poder gozar deste beneficio tes que darte de alta.
Darte de alta quere dicir que tes que dar os teus datos a unha empresa ou páxina web; neste caso, a empresa é Alsa.
Podes darte de alta enchendo o seguinte formulario.
No formulario tes que achegar o Certificado de Discapacidade. A Tarxeta de Discapacidade non vale, só vale o Certificado de Discapacidade.
Alsa revisará e validará con Plena Inclusión Madrid a documentación que enviaches e contestarache nuns 10 días.
A túa alta neste servizo dura 5 anos. Despois dese tempo, podes renovar a alta por outros 5 anos máis.
Como podes mercar os billetes con este desconto?
Chama ao teléfono 910 207 007, di que es beneficiario do desconto «gratuidade persoa de apoio» e di o teu DNI.
Se anulas o teu billete, tes que anular o da túa persoa de apoio.
Para beneficiarte destes descontos, cómpre que presentes durante o embarque a seguinte documentación.
- Discapacidade igual ou superior ao 33 % e acompañante: a persoa con discapacidade debe presentar a súa tarxeta expedida pola súa comunidade autónoma ou, no deu defecto, o certificado de discapacidade.
- Praza de transferencia gratuíta para viaxeiros en cadeira de rodas: neste caso non é necesario que o viaxeiro presente ningunha documentación ademais do seu billete. Non obstante, si debe indicar durante a reserva que vai querer gozar deste asento adicional.
- Acompañante gratuíto para axudar o viaxeiro en cadeira de rodas na transferencia ou no embarque (se deixa a súa cadeira no maleteiro): neste caso tampouco é necesario que o viaxeiro achegue ningunha documentación, pero debe indicar esta circunstancia durante a compra do billete.
Ambos os viaxeiros, a persoa usuaria de cadeira de rodas e o seu acompañante, disporán dos seus propios billetes nominativos que deberán presentar no embarque. - Persoa de apoio para viaxeiro con discapacidade intelectual superior ao 33 %: este desconto require un rexistro previo para o que contamos co apoio de Plena Inclusión.